9.2.05
O Referendo ao Tratado da Constitución Europea
O BNG acusa a PP e PSOE de non argumentar desde unha perspectiva galega
O debate e a información son vitais, din desde o BNG, que ten colocados en Internet carteis nos que Quintana aparece con Fraga.
[09/02/2005 - xornal.com]
O resumo do que vai de campaña é claro para o BNG: "PP e PSOE móstranse incapaces de argumentar a favor do SI desde unha perspectiva galega". Mentres, o BNG sostén que segue a apostar pola información e o debate. “Nen PP nen PSOE foron quen até o de agora de daren argumentos serios a favor do SI ao Tratado desde unha perspectiva galega”, afirmou en Santiago a adxunta á portavocía nacional do BNG, Ánxela Bugallo. “O PP porque non sabe o que realmente quer. O PSOE porque é incapaz de ter unha perspectiva minimamente galega. Non é capaz de emitir un discurso proprio sen previamente consultalo todo coa Moncloa”, díxolle Bugallo aos xornalistas mentres, na compaña dunha delegación da Executiva Nacional e de membros do grupo municipal, repartía propaganda a favor do NON polas rúas do casco vello de Compostela. “A nosa campaña segue a ser a campaña do debate e da información seria e contrastada. Así entendemos nós a democracia, como un exercicio de participación popular. Non podemos compartir como a ven os que conciben o Tratado como un catecismo que hai que difundir desde tribunas como Gran Hermano ou como os rótulos de bebidas isotónicas”, declarou a adxunta á portavocía nacional. A falta de argumentos de peso de PP e PSOE a prol do SI fai máis necesario que nunca que se abra a vía do debate proposto polo portavoz nacional do BNG e candidato á presidencia da Xunta de Galiza, Anxo Quintana. “O debate e a información son vitais, entre outras cousas porque a campaña oficial non conta toda a verdade sobre o Tratado. É fundamental que a cidadanía saiba até que ponto vai afectar as súas vidas un Tratado que claramente é contrario aos lexítimos intereses do noso país”, acrecentou a membro do Comité de Dirección do BNG.
Fraga: "Animo a todos a votar si"
Nun acto de lectura da Carta Magna europea, organizado por Paradores de Turismo, Manuel Fraga ven de afirmar que o 20 de febreiro votará "si, e animo a todos a votar si, na medida en que a Constitución Europea se erixe como unha sólida garantía de futuro para todos". O presidente da Xunta destaca o texto constitucional como "un paso decisivo" na obtención dun espazo de paz, liberdade, solidariedade e prosperidade de ámbito paneuropeo. Di que conxuga o principio de subsidiariedade co de intanxibilidade fronteiriza e a integridade territorial dos Estados membros, cuestións de "vital importancia". Con todo, lamenta a ausencia dunha referencia explícita á herdanza cristiá que "todo o impregna en Europa".
[09/02/2005 - xornal.com]
"Aposto firmemente polo si no referendo do próximo 20 de febreiro. Votarei si e animo a todos a votar si, na medida en que a Constitución europea se erixe como unha sólida garantía de futuro para todos". Son palabras do presidente da Xunta nun acto de lectura do texto constitucional europeo organizado por Paradores de Turismo, no que afirmou que o di "alto e claro", "sorprendido por ter que desautorizar algunhas terxiversacións das miñas verbas, cando veño dicindo iso en distintas sedes dende hai moito tempo". O acto tivo lugar esta mañá no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela e nel tamén participaron o secretario xeral para as Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, o Delegado do Goberno en Galicia, o alcalde de Santiago e mailo presidente da Deputación da Coruña. A lectura de varios artigos do Tratado da Constitución Europea correu a cargo dunha moza, unha muller, un traballador inmigrante e un xubilado.
APOIO INCONDICIONAL Á CARTA MAGNA.- O titular do Executivo galego aproveitou a ocasión para repasar unha vez máis as razóns do seu "apoio incondicional" á Carta Magna europea. Así indicou que o texto "supón un paso decisivo na obtención dun espazo de paz, liberdade, solidariedade e prosperidade de ámbito paneuropeo". O mandatario galego sinalou que a Constitución europea apoia o principio de subsidiariedade, "que defendo con entusiasmo como autonomista convencido, pero sempre leal respecto das restantes estruturas do Estado nacional", conxugándoo co da intanxibilidade fronteiriza e a integridade territorial dos diferentes Estados membros, cuestións estas "de vital importancia", ao seu entender. Así mesmo, amosouse convencido de que a Constitución virá a consolidar o "amplo espazo económico da UE como actor principal dun mundo que tende á globalización". Con todo, o presidente da Xunta dixo "lamentar" a ausencia no texto constitucional dunha referencia explícita á herdanza cristiá "que todo o impregna en Europa: desde a arquitectura á literatura, pasando polos valores éticos e morais, as normas de convivencia ou os límites territoriais".
SI A GALICIA, SI A ESPAÑA, SI A EUROPA.- Manuel Fraga lembrou cómo nos últimos anos a realidade europea asumiu un protagonismo crecente "en todas as facianas da realidade", ata converterse nun elemento administrativo "de primeira orde" na vida cotiá dos cidadáns. Por iso, afirmou que, entre todos, "temos oportunidade de traballar cóbado con cóbado para construír un mundo mellor", no que se respecte a diversidade como "mostra de integración e de progreso". "A oportunidade de legar aos nosos fillos e netos un contorno máis axeitado que o que nós atopamos -dixo Fraga- convértese en motivo de reflexión persoal. Un exercicio que animo a practicar, coa esperanza de que este 20 de febreiro digamos, cantos máis mellor, si a Galicia, si a España, si a Europa. Si, en suma a un mundo mellor para todos".
