12.4.05

 

Beiras demite como presidente do Consello Nacional do BNG

[12/04/2005 - Vieiros]

O presidente do Consello Nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, demitiu deste cargo e abandona asemade a súa carreira por figurar nas listas electorais dos nacionalistas. Nunha carta enviada ao voceiro nacional Anxo Quintana, Beiras discrepa coa dirección da fronte no que respecta ás atribucións do seu cargo de presidente do Consello Nacional, e cualifica a polémica sobre as candidaturas de "detonante". Nos últimos días, as propostas de Beiras para a confección das listas electorais foran amplamente rexeitadas na maioría das asembleas comarcais do BNG onde foron votadas. Beiras recoñeceu que nos días previos ao Consello Nacional do pasado xoves cometera algúns "erros mediáticos", pero, como dí na carta, "é falso que no último Consello Nacional eu teña asumido as acusacións das que fora obxecto por parte da Comisión Executiva". Precisamente, a propia Executiva do BNG, reunida logo de coñecer o anuncio de Beiras, "lamentou" nun comunicado
a demisión do presidente do Consello Nacional, ao tempo que mostrou o seu "respecto" pola súa decisión.

Beiras afirmou que continuaría como membro do Consello Nacional, pero que demite do seu cargo como presidente do mesmo. O veterano político nacionalista, de 69 anos, encabezara a lista oficialista na última Asemblea Nacional, por diante de Anxo Quintana.O voceiro da corrente dos non-adscritos, Roberto Mera, renunciou a facer valoracións sobre a decisión de Beiras ata coñecer o contido exacto da carta. En todo caso, para Mera a crise das listas "estaba pechada dende o xoves", cando Beiras declarara a súa disposición para aceptar aquilo que o Consello Nacional do Bloque lle propuxese.Nunhas declaracións efectuadas á Radio Galega o pasado domingo, o secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, mostrábase, porén, confiado en que a dirección nacionalista e Beiras chegarían a un acordo satisfactorio para o presidente do Consello Nacional. De feito, Rodríguez afirmara que "o noso líder histórico non vai desaparecer do escenario político, nin deixar de ter un papel relevante. Non sei se será dentro ou fóra das listas, a decisión tomarase democraticamente e de común acordo con el".A pesar de que "nunca falo de casa allea", o presidente da Xunta considerou que "o Bloque, como sabía todo o mundo, estaba moi desbloqueado e agora quedou perfectamente claro que por sorte para Galiza". Para o número dous dos populares galegos, Xesús Palmou, a demisión de Beiras supón unha vitoria do sector "máis intransixente" do Bloque.O secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela, cualificou a Beiras de "referente do nacionalismo galego", pero non cre que a súa demisión afecte ás expectativas electorais do BNG, "porque a decisión da dirección nacionalista (de non situar a Beiras como cabeza de lista) foi apoiada maioritariamente pola militancia".

MÁIS INFORMACIÓN:
Xornal.com
La Voz de Galicia


Comments:
Boas!!somos dous alumnos de bachiller do instituto do son.non somos capaces de localizarche por iso che escribimos aquí.o noso traballo é sobre o porvir do galego e gustaríanos saber a túa opinión,xa que o noso profesor dixonos que escribías moi ben.se tes algo de tempo libre,contestanos.
perdoe as molestias. ata pronto!!
 
Publicar un comentario en la entrada

<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?